xoves, 7 de marzo de 2019

CIRCULO DE SILENCIO - 7 MARZO . SANTIAGO

Hoxe ás 20:00h terá lugar en Compostela o Círculo de Silencio. Convocado na Praza de Cervantes, o obxectivo é realizar unha concentración silenciosa e pacífica de 20 minutos, que servirá de recordatorio e denuncia dos mortos que está provocando a actual política de migración e refuxio.

Numerosos colectivos e ONGs súmanse a esta exitosa iniciativa promovida pola Rede Galega en apoio ás persoas refuxiadas, e que este mes vai ser introducida por Médicos do Mundo.

Os Círculos de Silencio é unha acción internacional que comezou en Toulousse da man dos Franciscanos. Realízase en moitos países e en distintos puntos de España. Faise todos os meses o mesmo día e á mesma hora.
Desde Rederefuxiadas destácase a importancia desta denuncia pacífica, xa que España e a UE están violando os Dereitos Humanos nas nosas fronteiras, e a ONU condenou a España este Febreiro por violar a Convención sobre os Dereitos do neno, que foi ratificada por 195 países.

Este mes quérese destacar dun modo especial a situación de dobre discriminación que sofren os nenos e nenas, así como as mulleres migrantes e refuxiadas. Ás cifras de mortos no mar, máis de 15.000 nos últimos anos segundo OIM ( organismo de Nacións Unidas para as migraciones), hai que sumar as que se producen nos desertos de África e Oriente Próximo (antes de chegar ás costas próximas a Europa), e as que se están producindo nos mesmos campos de refuxiados, por fame e frío.