Manifesto inicial

RACHEMOS COAS FRONTEIRAS. NON ÁS GUERRAS

Dende a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas expresamos a nosa máis enérxica repulsa polo acordo alcanzado entre a Unión Europea e Turquía como resposta á chegada da poboación desprazada ás costas de Europa. O trato, que implica devolver a Turquía a todas as persoas que cheguen de forma irregular ás costas gregas a cambio de traer desde Turquía un número de persoas refuxiadas equivalente ao de expulsións, consolida o fracaso que está a supoñer a xestión desta crise na UE. Unha UE que en setembro de 2015 acordou distribuír 120.000 persoas refuxiadas, das cales case 17.000 debían chegar ao Estado español. A día de hoxe, só o fixeron 126.

Este fracaso é, en realidade, o dun modelo europeo de xestión migratoria baseado en peche de fronteiras, represión, control policial e explotación laboral. A resposta á actual crise migratoria obedece á mesma lóxica das concertinas no valado de Melilla ou da violación continua de dereitos nos inhumanos Centros de Internamento para Estranxeiros.

A actual crise é unha sucesión de conflitos armados, guerras e inxerencias externas que ameaza con dexenerar aínda máis se non se toman medidas urxentes. É por iso que as persoas, colectivos e organizacións que formamos parte da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas esiximos a derrogación do acordo entre a UE e Turquía co obxectivo de garantir:

1. Rutas legais e seguras sen condicións
O acordo non se compromete a ofrecer rutas legais e seguras para as persoas migrantes, refuxiadas e solicitantes de asilo. A escusa de crear unha solución que acabe co tráfico de persoas crea un falso discurso. Precisamente o que se fomenta con este acordo é que as persoas collan outras rutas máis perigosas. Por iso é necesario unha alternativa humana, legal e responsable, baseada no reasentamento incondicional de persoas refuxiadas cun número de prazas suficientes e nunha vontade política dos países da UE para que o sistema de recolocación respecte os dereitos humanos.

2. O cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio
As persoas solicitantes de asilo teñen dereito a procedementos de asilo individualizados e con todas as garantías. Aínda así, o acordo entraña o risco das expulsións colectivas, xa que non se explica como van poder avaliarse de maneira significativa, e con todas as garantías xurídicas suficientes, as solicitudes individuais en procedementos de asilo acelerados.
A proposta de que por cada persoa refuxiada siria que sexa devolta a Turquía desde Grecia se reasente a outra tamén siria na UE é inmoral e carece de fundamento xurídico sustentable. O que verdadeiramente implica esta medida é que cada praza de reasentamento na UE dependa de que outra persoa arrisque a súa vida embarcándose na mortal ruta por mar a Grecia.

3. O respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e garantía na protección das persoas, en especial ás menores e as máis vulnerables
Unha de cada tres persoas que están a chegar a Europa son menores, a maioría das cales se atopan sen escolarizar. O acordo supón a vulneración de dereitos fundamentais da infancia, como o dereito á consideración primordial do seu interese superior, ademais do dereito á vida en familia, o dereito á educación ou á saúde. Do dereito a non ser separadas dos seus familiares, do dereito á reunificación familiar, do principio básico de que ningún neno ou nena será devolto agás no caso de que se comprobe que alguén se fará cargo del ou dela no país de orixe e que non queda exposta a situacións de risco, A Convención dos Dereitos da Infancia é moi clara en relación coa protección especial que deben ter as menores refuxiadas ou que soliciten asilo.

Tamén as mulleres sofren de xeito especial esta crise ao estar expostas ao acoso, á explotación e á violencia sexual durante a viaxe e, tamén, ao chegar a Europa. Ademais das mulleres embarazadas, colectivos vulnerábeis como as persoas enfermas ou persoas con diversidade funcional non están a recibir asistencia médica especializada.


Por todo isto, esiximos á UE e aos gobernos dos Estados membro que se abran rutas legais e seguras, que se adopten medidas urxentes de acollida e que se cumpran os dereitos humanos facendo especial fincapé nas necesidades de protección das persoas máis vulnerables. Tamén, instamos á Xunta de Galicia e aos gobernos locais a que se manifesten en contra deste vergoñoso acordo e que traballen na defensa dos dereitos das persoas migrantes e refuxiadas.

Para iso, demandamos ao goberno estatal, á Xunta de Galicia e aos gobernos locais :

  • Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están endentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude. 
  • Unha maior sensibilidade á hora de dar resposta ás persoas que no poden acceder ao sistema de acollida porque está colapsado (en lugares como Madrid tárdase un mínimo de 4 meses en obter unha cita). 
  • Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc. 
  • Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes. 
  • A posta en marcha dun programa de formación dirixido ao persoal das administracións públicas que atenden en distintos servizos a persoas migrantes e refuxiadas.
  • Vontade de interlocución entre as diferentes administracións: estatal, autonómica e local. Que as organizacións sociais e os concellos traballemos conxuntamente, man a man, na posta en marcha de campañas de sensibilización dirixidas á poboación para combater os discursos racistas e xenófobos; para rachar cos discursos que falan de migrantes de primeira e de segunda; e para falar das causas da pobreza e das guerras. Que se recuperen os fondos de cooperación ao desenvolvemento e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, o cal contribuirá a mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.
  • Que se actúe sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta a desigualdade, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe; cumprindo rigorosamente co Tratado de Comercio de Armas; e garantindo que as políticas comerciais, económicas e diplomáticas respectan os dereitos humanos e os recursos locais e que as empresas transnacionais non esquilman os recursos dos países de orixe e cumpren as leis de transparencia e fiscalidade (de xeito que non saían dos países en forma de evasión de impostos cantidades que superan amplamente as partidas de axuda oficial ao desenvolvemento).
  • Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos. 



ASINANTES: A Cova da Terra, A Gentalha do Pichel, Abrindo Fronteiras Ourense, Acción Universitaria, ADEGA, AGARESO, Andaina, Anova- Irmandade Nacionalista, Arquitectura sen Fronteiras, Asemblea de Cooperación pola Paz, Asociación Arela, Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, Asociación Diversidades, Asociación Cultural Fuco Buxán, AGAMME, Asociación de Mulleres Cristiás Galegas, Asociación Xuvenil Amencer, Bloque Nacionalista Galego, BRIGA, Candidatura de Unidade Popular de Sober, CERNA, CCOO, Compostela Aberta, Confederación Intersindical Galega, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Coordinadora Galega de ONGD, CUT, Decide en Común, ECOAR))), Ecos do Sur, Enxeñería sen Fronteiras, Erguer-Estudantes da Galiza, ESCULCA, ESPAZO-EQUO, Esquerda Unida, Farmamundi, Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, Fundación Amaranta-Delegación Galicia, Fundaçom Artábria, FISC Galicia, Foro Galego de Inmigración, Grupo redondelá de apoio as pesoas refuxiadas, InteRed Galicia, Manos Unidas Galicia, Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, Marea Atlántica, Marea de Pontevedra, Marea Feminista de Vigo, Médicos do Mundo, Miradas al Mundo, Mulheres Nacionalistas Galegas, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Partido Humanista, Partido Socialista de Galicia, Paz e Solidariedade, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Guardesa de Apoio ás Refuxiadas, Plataforma polo Emprego, Podemos Galicia, Por Chantada-CUP, Radio ECCA Galicia, Refuxiadas Compostela, Sadamaioría, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Solidariedade Internacional de Galicia, Somos human@s-Somos refuxio, SOS Racismo Galicia, STEG, Stop Desahucios Compostela, Terra de Homes, UGT, Verdegaia, Viraventos, Xeira, Xuventude Comunista


** Os colectivos que queiran adherirse deben remitir un correo electrónico ao enderezo: rederefuxiadasgal@gmail.com