domingo, 22 de setembro de 2019

Boza! Boza! Boza! Encontro con Monseñor Santiago Agrelo o martes 24 en Compostela




Desde a Rede de Apoio ás persoas refuxiadas esiximos unha  política de inmigración e refuxio acorde co respecto aos dereitos humanos. 

Entre as medidas necesarias, salientamos:





1.- Reforma rápida e efectiva da actual Lei de Estranxeiría.

2.- Políticas de Fronteiras, que establezan como principio básico a defensa da vida das persoas migrantes ou refuxiadas.

3.-Compromiso de posta en práctica de  políticas decididas contra as actuacións e as ideoloxías que tentan estender o racismo e a xenofobia.

4.-Concreción práctica e efectiva, mediante un regulamento claro, do decreto para devolver a atención sanitaria ás persoas  migrantes en situación de irregularidade administrativa.

5.- Políticas de asilo e refuxio que garantan o cumprimento dos dereitos humanos. Esiximos que se resolvan de xeito rápido e efectivo as solicitudes de protección do Estado Español.

6.-Eliminación dos campos de persoas refuxiadas en Europa  e dos acordos internacionais da UE que externalizan de forma lamentable o control das fronteiras, provocando decenas de miles de mortes.


O martes 24 de setembro ás 20h convocamos a un encontro con Monseñor Santiago Agrelo que nos traerá a realidade da fronteira sur.

Santiago Agrelo é nomeado Arcebispo de Tánxer polo Papa Benedicto XVI o 11 de abril de 2007. Este feito na súa vida foi unha “revolución”. Tras 12 anos chega a xubilación e actualmente reside en Compostela. Santiago Agrelo sente unha débeda co vivido en Marrocos, coas persoas acollidas, coas persoas que non puideron ser acollidas, con todos eses mozos, mulleres e nenos que morreron cruzando cara Europa, coas persoas que aínda continúan alí agochadas, á espera dunha oportunidade… e por iso, denuncia con forza as responsabilidades políticas. 

Temos, nós e el, VERGONZA, por vivir nunha España na que os políticos, os medios de comunicación e os cidadáns non nos empeñamos por rematar coa vulneración dos dereitos humanos das persoas migrantes, na frontera sur e nas fronteiras interiores que todos os días atopan.