martes, 26 de marzo de 2019

BRASIL" REFUXIADOS NO SEU PROPIO PAÍS"- Coruña 26 Marzo


A conferencia de Sorrentino, titulada 
"Brasil, compromiso coas poboacións en situación de vulnerabilidade",
terá lugar o martes 26, ás 19:30 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras,12).

O COORDINADOR DE ACAMPA BRASIL, MARCOS SORRENTINO, ANALIZA NA CORUÑA A AUSENCIA DE DEREITOS HUMANOS E A VULNERABILIDADE QUE ACUSAN SECTORES ENTEIROS DA POBOACIÓN

Coordinada por Acampa pola paz e o dereito a refuxio, a intervención na Casares Quiroga do profesor da Universidade de Sao Paulo e coordinador do Laboratorio de Educación e Política Ambiental (OCA), abordará polo miúdo a situación dos dereitos á paz e a refuxio no Brasil, dende as causas da vulnerabilidade que acusan poboacións enteiras –“refuxiados no seu propio país”, nas palabras do conferenciante- ata unha proposta concreta para afrontalas: “por unha nova cultura da Terra, da terra e do territorio” 

A Coruña, 25 de marzo de 2019.- Acampa pola paz e o dereito a refuxio coordina a conferencia que o impulsor deste movemento en Brasil, Marcos Sorrentino, profesor universitario e un dos responsables do prestixioso Laboratorio de Educación e Política Ambiental (OCA) de Sao Paulo, imparte mañá martes, día 26, ás 19:30 horas, na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. Marcos Sorrentino é un vello coñecido dos coruñeses e as coruñesas grazas á súa participación como poñente convidado da segunda edición de Acampa (A Coruña, 2018), que tivo o cambio climático como eixe e fío condutor.

Titulada "Brasil, compromiso coas poboacións en situación de vulnerabilidade", a charla de Sorrentino centrarase no análise da situación dos dereitos á paz e a refuxio no Brasil, con especial atención á situación de indefensión e ausencia de dereitos humanos que acusan sectores enteiros da poboación, aos que o coordinador de Acampa Brasil non dubida en denominar “refuxiados no seu propio país”. O profesor expoñerá asemade a súa visión sobre cales son as causas desa vulnerabilidade antes de pasar a ofrecer algunhas claves para ver de poñerlle fin, coa esperanza de acadar unha “nova cultura da Terra, da terra e do territorio”.