mércores, 20 de xuño de 2018

DIA MUNDIAL DAS PERSOAS REFUXIADAS -20 XUÑO

Con motivo do Dia Mundial das persoas refuxiadas arrancamos con novas enerxias unha campaña coa que esperamos por fin conseguir a movilización social suficiente para que o nosos gobernos deixen de violar os dereitos humanos.

Tamén arrancamos hoxe unha campaña de sinaturas coas esixencias dirixidas a cada administración pública. Máis información aquí.


En Santiago


acceso ao comunicado aquí

En A Coruña



5 de Xuño de 2018
Comunicado

Día mundial das persoas refuxiadas

Tras a celebración do evento Acampa 2018 e como colofón ao mesmo, convocamos unha concentración mañá, mércores 20 de xuño, Día mundias das persoas refuxiadas, ás 19h, ante o Kiosko Alfonso para, tras ler o manifesto de Acampa 2018, visitar as exposicións fotográficas aloxadas alí:
  • Lisa Murray
  • Daesung Lee, "Arqeuoloxía futurista"
  • Alessandro Grassani, "Migrantes ambientais: a última ilusión"
  • Ariadna Silva, "Cartografía do esquecemento"
     
MANIFESTO: NON TEÑEN ROSTRO NIN CONCIENCIA
Vivimos nun mundo e nun tempo en que cada día nos falan de globalización, como eufemismo dun modelo económico extremadamente agresivo. Pouco e pouco, unha minoría silenciosa e poderosa foise facendo co control da economía, a tecnoloxía, a investigación e dereitos tan vitais como a saúde, a educación, o territorio, a enerxía e a auga. Son as grandes corporacións transnacionais, amparadas por gobernos amigos e o control case absoluto da información.
Non teñen rostro nin conciencia, e non permiten que os organismos internacionais actúen para impedir o sufrimento da maior parte da humanidade. Non perden o sono se o planeta arde ou seca, se se deseñan guerras para acaparar recursos, se se asasina xente inocente ou millóns de persoas teñen que fuxir da súa casa e da súa terra.
A razón explicouna moi ben Rodrigo Rato, o que foi director xerente do Fondo Monetario Internacional e vicepresidente do Goberno español con José M.ª Aznar: «é o mercado, amigo».
Como facer fronte a unha estrutura tan ben construída? Que podemos facer a maioría da humanidade para recuperar o control do planeta e das nosas vidas? Só unha cousa: sumar forzas e actuar. Tomarmos conciencia da nosa capacidade colectiva e sermos quen de dicir «basta!».
Acampa pola paz e o dereito a refuxio naceu para traballar nesta dirección: a unidade de acción de organizacións e cidadanía fronte ao desamparo en que os Estados actuais deixan a familias que solicitan un dereito elemental, o dereito a refuxio. Persoas que escapan das consecuencias das políticas agresivas e inhumanas de grandes corporacións.
Polo noso propio interese, debemos responder solidariamente e esixir que se respecten os dereitos humanos en todo o planeta. Se permitimos que se violen os dereitos dos que chaman á nosa porta, o paso seguinte será perder os nosos, como xa está sucedendo.
Neste segundo ano de vida de Acampa pola paz e o dereito a refuxio, queremos afondar nunha cuestión grave, urxente e non recoñecida por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático.
Segundo os informes da ONU, nos próximos trinta anos o número de persoas que van necesitar refuxio por cambio climático pode oscilar entre 250 e 1000 millóns. A maioría serán desprazados no seu propio territorio e uns poucos, os que teñan máis recursos, poderán intentar cambiar de país.
Podemos pechar os ollos ou tomar a iniciativa; podemos facelo agora ou esperar un tempo que pode ser irreversible. Velaí a decisión persoal e colectiva.
A gran maioría de organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa actúan día a día sobre o terreo e saben moi ben do que estamos a falar. Con iniciativas como Acampa pola paz e o dereito a refuxio estamos poñendo o noso gran de area, tratando de contrastar a información, buscando e propoñendo alternativas, estamos sumando forzas.
Para darmos o seguinte paso, necesitamos de todas as mans e conciencias.
Rubén Sánchez
Rede Acampa
rede@acampa.eu