luns, 10 de decembro de 2018

70 anos de incumprimento dos dereitos humanos. 70 anos de historias de amor.





A Declaración Universal dos Dereitos Humanos foi un acordo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas asinado o 10 de decembro de 1948. Está composta de 30 artigos que recollen os dereitos humanos considerados básicos. Esta declaración e os Pactos internacionais de Dereitos Humanos e os seus protocolos comprenden o que se denomina Carta Internacional dos Dereitos Humanos. Mentres que a Declaración constitúe un documento orientativo, os Pactos son Tratados Internacionais que obrigan aos Estados asinantes a cumprilos.

A Rede Galega de apoio ás persoas refuxiadas únese á corrente de persoas e asociacións que denuncian as constantes vulneracións dos dereitos humanos e esixen que haxa vontade política para resolvelas, especialmente no que se refire ás fronteiras. Para mostra, un botón:



- España condenada polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo por vulneración dos dereitos das persoas nas chamadas “devolucións en quente”.
- Utilización de materiais lesivos nas fronteiras.
- Nenos sen protección nas rúas de Melilla.
- Uso sistemático das detencións e hacinamento en centros de internamento para estranxeiros.
- Asistencia xurídica para a petición de asilo sen garantías mínimas. Maltrato.
- Sistema de acollida ineficaz e no que se decide sobre as persoas sen ter en conta a súa opinión.
- E moitas máis que non collen neste escrito.

E ao mesmo tempo que sucede todo isto, continuamente podemos ver historias de amor que acontecen no medio da inxustiza. Como a historia de Maryuri e Miguel, dous mozos que conseguiron atravesar países na caravana migrante hondureña e chegar a EEUU para que nacera o seu fillo. Hoxe están acollidos por unha familia e recibindo apoio.
Tamén a historia dos nenos e pais de Melilla que decidiron manifestarse ao longo ¡dun ano! para conseguir ir á escola; diante da Fiscalía, diante do Goberno Melillense... Un ano no que estes nenos tiveron que loitar polo seu dereito fundamental á educación.
O amor de Enrique e Border Angels que están preparando a acollida das familias da caravana migrante desobedecendo ás políticas de Trump. Levan décadas traballando e non se van deter.
As persoas que nas fronteiras reciben cada día moitas chamadas de persoas que están en situacións desesperadas e avisan aos equipos de salvamento. As organizacións que fan informes e documentan as inxustizas. As familias que solidariamente se unen para identificar e devolver dignidade ás vitimas.
As familias e organizacións que se unen nas colas para pedir asilo en Madrid, coa fin de axudarse mutuamente con mantas, café, e asesoría sobre os seus dereitos.
Montóns de historias de amor que un ano máis fan que celebremos este día coa esperanza de que somos os cidadáns os que temos que poñer as nosas mans a traballar CADA DÍA para que haxa dignidade e liberdade para todos.

Feliz Día dos Dereitos Humanos.