luns, 13 de xuño de 2016

Redadas, CIE e deportacións: a maquinaria represiva da política migratoria

Esta semana a Rede Galega en Apoio ás persoas Refuxiadas organiza xunto ao Foro Galego de Inmigración dúas charlas con Eduardo Romero con motivo da publicación dos seus novos libros arredor da temática migratoria. As citas son o martes na Coruña e o mércores en Santiago de Compostela.

Co título "Redadas, CIE e deportacións: a maquinaria represiva da política migratoria.", o activista do colectivo Cambalache de Uviéu, Eduardo Romero, introduciranos na súa visión sobre o feito migratorio e o papel que xoga no mundo actual, isto é, en como o sistema capitalista e patriarcal ten a necesidade de provocar a mobilidade forzada de millóns de persoas.

Estes novos traballos publicados son En mar abierto, unha novela protagonizada polas historias anónimas de quen vive e convive coa migración cada día, e Naiyiria, un interesante relato ilustrado por Amelia Celaya sobre o específico papel xogado polas mulleres no fenomeno migratorio.

Eduardo Romero (Uviéu 1977) fai parte da asociación Cambalache, colectivo autoxestionado que, segundo a súa propia definición, "trata de xerar espazos de encontro e intercambio nos que compartir resistencias ao capitalismo." Antes destes novos traballos que presentará esta semana, xa publicara Quien invade a quien: el Plan África y la inmigración (Cambalache 2007), A la vuelta de la esquina: relatos de racismo y represión (Cambalache 2008), Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial (Cambalache 2010) e Quien invade a quien : el colonialismo al II Plan África (Cambalache 2011).

A presentación na Coruña terá lugar no Local da ONG Viraventos (Rúa Monasterio de Caaveiro, 4), mentres que en Compostela verémonos na Libraría de mulleres Lila de Lilith (Rúa Travesa n.º 7). Nambas ocasións, a partir das 20h.