martes, 26 de abril de 2016

Este xoves, organizamos encontro con Beatriu Guarro (Stop Mare Mortum)

Este vindeiro xoves 28 de abril a partir das 20 horas, a Rede galega en apoio ás persoas refuxiadas organiza unha charla coa portavoz da plataforma catalá Stop Mare Mortum Beatriu Guarro. Terá lugar na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia.

Con esta actividade, a Rede galega en apoio ás persoas refuxiadas, impulsada por distintos colectivos sociais, políticos e sindicais, pretende dar continuidade ao seu traballo de denuncia e sensibilización perante a grave vulneración de dereitos acometida pola UE nas súas fronteiras.

A activista Beatriu Guarro, tamén membro de SOS Racisme en Catalunya, visítanos como portavoz da plataforma Stop Mare Mortum que pula polo cambio nas políticas de estranxeiría e migratorias europeas. Esta iniciativa cidadá naceu en abril de 2015, tras a conmoción do naufraxio nas costas de Sicilia que supuxo a morte de case un milleiro de persoas. O seu traballo vira arredor de dous eixos: a sensibilización e formación da cidadanía e a incidencia política, impulsando desde xornadas formativas e accións de intervención artística ata cazeroladas diante da sede da Comisión Europea, como a que convocaron para este mesmo 25 da abril.

Ademais deste encontro o xoves en Compostela. Beatriu Guarro estará presente o mércores 27 en Redondela na Casa da Cultura e o venres 29 en Vigo na Cova dos Ratos. Todas as charlas comezarán ás 20 horas e están coorganizadas xunto a SOS Racismo Galicia e o Grupo redondelá en apoio ás persoas refuxiadas.

Desde a Rede animamos á participación destas xornadas como espazo de aprendizaxe colectiva e de xeración de sinerxías cara a necesaria coordenación e fortalecemento de iniciativas que poidan atallar a barbarie á que estamos a asistir.