domingo, 23 de abril de 2017

ENCONTRO CON DJIBRIL FAYE - Santiago de Compostela

O próximo mércores 26 de Abril, ás 20h, na Asociación Veciñal A Xuntanza  vai ter lugar un encontro con Djibril Fayé, inmigrante senegalés que chegou hai 10 anos ao noso país. Djibril falaranos da súa experiencia persoal de fuxida do seu país, Senegal, e acollida en Galicia, onde colabora na ONGd Ecos do sur, (www.ecosdosur.org) unha Organización de A Coruña que se dedica á cooperación e integración de persoas migrantes. O encontro está organizado pola Rede en Apoio ás Persoas Refuxiadas de Compostela, e conta co apoio da Asoc. Veciñal A Xuntanza do Barrio de San Pedro e a Asoc. de Mulleres Recandea.
A Rede en Apoio a Persoas Refuxiadas está composta por diferentes organizacións, ONG e colectivos que queren visibilizar na nosa cidade o problema humanitario que está a supoñer a mala xestión migratoria da UE e do Estado Español. Con este acto queremos poñer cara e voz ao problema da migración no noso país, resolver dúbidas e disipar prexuízos sobre as persoas migrantes e refuxiadas. Ademais, aproveitaremos o acto para presentar no Barrio de San Pedro de Santiago a campaña de recollida de firmas que a Rede está a poñer en marcha para esixir ao goberno que cumpra os compromisos de acollida que ten subscrito ante a UE, e a anulación do acordo entre UE e Turquía así coma tódolos tratados que están a supoñer un risco na garantía de cumprimento da Declaración dos Dereitos Humanos.
Esperamos contar coa vosa presenza para ir derrubando barreiras e prexuízos nas cuestións de migración, asilo e refuxio.

Marisa Vidal Collazo
Tfno 676 180 127
RAPR Santiago