O próximo mércores 15 de marzo, ás 20h, no CSC
Agustín Bueno do Castiñeiriño vai ter lugar un encontro con Djibril Fayé,
inmigrante senegalés que chegou hai 10 anos ao noso país. Djibril falaranos da
súa experiencia persoal de fuxida do seu país, Senegal, e acollida en Galicia,
onde colabora na ONGd Ecos do sur, (www.ecosdosur.org)
unha Organización de A Coruña que se dedica á cooperación e integración de
persoas migrantes. O encontro está organizado pola Rede en Apoio ás Persoas
Refuxiadas de Compostela, e conta co apoio da Asoc. Veciñal O Castiñeiro e a
Asoc. de Mulleres Recandea, do barrio do Castiñeiriño.
A Rede en Apoio a Persoas Refuxiadas está
composta por diferentes organizacións, ONG e colectivos que queren visibilizar
na nosa cidade o problema humanitario que está a supoñer a mala xestión
migratoria da UE e do Estado Español. Con este acto queremos poñer cara e voz
ao problema da migración no noso país, resolver dúbidas e disipar prexuízos
sobre as persoas migrantes e refuxiadas. Ademais, aproveitaremos o acto para
presentar no barrio do Castiñeiriño de Santiago a campaña de recollida de
firmas que a Rede está a poñer en marcha para esixir ao goberno que cumpra os
compromisos de acollida que ten subscrito ante a UE, e a anulación do acordo
entre UE e Turquía así coma tódolos tratados que están a supoñer un risco na
garantía de cumprimento da Declaración dos Dereitos Humanos.
Esperamos contar coa vosa presenza para ir
derrubando barreiras e prexuízos nas cuestións de migración, asilo e refuxio.
Marisa Vidal Collazo
RAPR Santiago