A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos e partidos políticos convoca novas mobilización en toda Galicia arredor do 20 de xuño, día mundial das persoas refuxiadas.
Baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras' A Coruña, A Guarda, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo sairán ás rúas para esixir rutas legais sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respectos dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.
As mobilizacións convocadas son as seguintes:
A CORUÑA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende o Orzán.
A GUARDA. 18 de xuño ás, 20 horas, dende a Alameda.
COMPOSTELA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Alameda.
FERROL. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Praza España.
LUGO. 20 de xuño, ás 20 horas, diante do Edificio da Xunta
OURENSE. 20 de xuño, ás 20:30 horas, dende a Subdelegación do goberno
PONTEVEDRA. 19 de xuño, ás 12 horas, na Praza da Peregrina.
VIGO. 19 de xuño, ás 11:30 horas, na Doblada
Demandas da Rede
As demandas dos 70 colectivos, organizacións, movementos sociais, sindicatos e partidos políticos que conforman a Rede aos distintos gobernos para esixir a garantía e o cumprimento dos dereitos das persoas refuxiadas son:
-
Que se revise en profundidade a política migratoria e
exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar
millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia,
disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude
calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só
abandonando a actual política exterior baseada no lucro
imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara
unha outra centrada na cooperación e na loita contra as
desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e
actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.
-
Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que
xa están no Estado español e Galicia que actualmente están
pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e
Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente
formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior
axilidade nas entrevistas de solicitude.
-
Que as administracións asuman que son elas as responsables
de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa
autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa
integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao
sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística,
etc.
-
Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas
migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto
das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos
sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de
tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de
incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar
a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a
coordinación cos xa existentes.
-
Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas
de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos
recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de
orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.
No manifesto da Rede, atópanse todas as demandas.
As vías de entrada a Europa
Hoxe, as vías de entrada a Europa son un dos lugares máis perigosos do mundo. Desde abril, confirmouse a morte de 881 persoas por estas vías e a desaparición no mar doutras 1.044. De moitas outras nunca se saberá nada. Nas vías de entrada a Europa morre xente por moitas causas. Afogamento, asasinatos, suicidios, enfermidades curables, desnutrición, esgotamento, atropelos, incendios... Isto sucede en Turquía, pero tamén en Grecia, en Ceuta e Melilla, en Calais e ata en Noruega. As vías de entrada a Europa, en lugar de ser un camiño seguro cara á liberdade, convertéronse nun embude criminal onde non existen pasos seguros e as persoas vense empuxadas cara á rutas perigosas nas que son vítimas de abusos, violacións, extorsións, etc.
Desde novembro de 2015, cando se activou o sistema de recolocación, ata hoxe, o Estado español acolleu a 126 persoas, na súa maioría de Siria e Iraq, que entraron a través de Grecia, principalmente, e de Italia. Galicia non recibiu ningunha destas persoas.