luns, 9 de maio de 2016

A Rede insta os concellos galegos a posicionarense en contra do acordo entre a UE e Turquía

A plataforma iniciou hoxe unha campaña coincidindo co Día de Europa para que os plenos municipais se posicionen publicamente e aproben mocións para garantir os dereitos das persoas refuxiadas

O número de concellos aos que se insta a sumarse ás peticións da Rede irase ampliando ao longo dos vindeiros días


A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas iniciou hoxe unha campaña para que os concellos galegos se posicionen en contra do acordo entre a UE e Turquía que regula a expulsión das persoas que chegan a Europa fuxindo da guerra e a pobreza. Un acordo inmoral e ilegal que vulnera a normativa europea e internacional e que supón un enorme risco para a vida de moitas persoas.

A campaña iniciouse hoxe de xeito simbólico coincidindo co Día de Europa. Ata o de agora, presentáronse 29 instancias nos concellos de A Coruña, A Teixeira, Barro, Cabana de Bergantiños, Cedeira, Chantada, Compostela, Coristanco, Cuntis, Fene, Foz, Ferrol, Illa de Arousa, Lalín, Lugo, Maceda, Maceda de Trives, Moraña, Mugardos, Narón, Neda, Ourense, Ponteceso, Rianxo, Riberia, Sanxenxo, Teo, Valdoviño e Vigo. Ademais de instar aos concellos a rexeitar o xa coñecido como acordo da vergoña, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas demanda aos concellos o seguinte:

- Un acto simbólico en rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía, e en recoñecemento das persoas que perderon a vida nas nosas fronteiras, baixando a bandeira a media hasta.

- A aprobación dunha moción que recolla as demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas para garantir ou instar a outros niveis de goberno as seguintes cuestións:
  • Facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que cheguen ao municipio e facilitar os trámites ás persoas que xa o solicitaron.
  • Poñer a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc.
  • A posta en marcha programas de formación dirixido ao persoal das administracións públicas que atenden en distintos servizos a persoas migrantes e refuxiadas.
  • Interlocución entre as diferentes administracións: estatal, autonómica e local. Que as organizacións sociais e os concellos traballen conxuntamente, man a man, na posta en marcha de campañas de sensibilización dirixidas á poboación para combater os discursos racistas e xenófobos.
  • Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficinas de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.
  • Unha maior sensibilidade á hora de dar resposta ás persoas que poden acceder ao sistema de acollida porque está colapsado (en lugares como Madrid tárdase un mínimo de 4 meses en obter unha cita).
  • Recuperar os fondos de cooperación ao desenvolvemento e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, o cal contribuirá a mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.
  • Que se actúe sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta a desigualdade, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe; cumprindo rigorosamente co Tratado de Comercio de Armas; e garantindo que as políticas comerciais, económicas e diplomáticas respectan os dereitos humanos e os recursos locais e que as empresas transnacionales non esquilman os recursos dos países de orixe e cumpren as leis de transparencia e fiscalidade.
  • Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea.
A campaña seguirá en marcha os vindeiros días co obxectivo de achegar a instancia ao maior número de concellos posibles. Na web da Rede irase actualizando a información. Tamén se pode descargar o modelo de instancia para que calquera persoa particular poida sumarse á iniciativa de interpelar aos municipios sobre estas cuestión. Para informar a Rede sobre instancias presentadas, pódese escribir a rederefuxiadasgal@gmail.com.

Descarga o modelo de instancia para presentar no teu concello AQUÍ.