luns, 25 de abril de 2016

Boa acollida da primeira mobilización da Rede


O pasado sábado en Compostela tivo lugar a primeira acción de rúa da Rede galega en apoio ás persoas refuxiadas. Unha manifestación que percorreu as rúas de Compostela baixo o lema “Rachemos coas fronteiras. Non ás guerras” e acompañou toda unha xornada reivindicativa que tivo continuación na tarde cun festival solidario na praza 8 de marzo.

Despois da presentación diante da prensa o mércores, a Rede precisaba darse a coñecer tamén nas rúas, enchéndoas de berros solidarios, mais tamén esixentes con quen nos goberna. A resposta foi, sen dúbida, moi satisfactoria. Non só pola propia asistencia á manifestación, senón por todo o interese espertado os días previos en redes sociais e medios de comunicación. Parabenizámonos polo inxente traballo voluntario que permitiu sacar adiante esta primeira mobilización e pola implicación de toda a cidadanía participante. Asimesmo, animamos a continuar a acompañar as vindeiras actividades que xa estamos a preparar.

Ao remate do percorrido, a activista de orixe sirio Nour Al-Hussen Villa deu lectura a un breve manifesto onde lembramos as nosas principais denuncias e reclamacións arredor, principalmente, de garantir a pasaxe segura das persoas refuxiadas e dunha viraxe radical da xestión da crise e das políticas migratorias da UE. Podedes consultalo a continación:


Manifesto lido no remate da mobilización

O que está acontecendo non é unha crise de persoas refuxiadas, é unha crise de humanidade e de solidariedade. É unha barbarie.

É a constatación dun modelo fallido de xestión migratoria. O mesmo que pon concertinas no valado de Melilla ou promove os inhumanos Centros de Internamento para Estranxeiros/as.

É a constatación dunha Europa sen valores que nos avergonza e non nos representa. 

Máis 60 millóns de persoas seguen fuxindo das súas casas en países coma Siria, Afganistán, Irak, Palestina, Eritrea, Nigera ou Somalia para fuxir da guerra, da fame ou da violencia sexual. Para escapar de conflitos provocados por intereses xeoestratéxicos e económicos que promoven o espolio de riquezas e a venta de armas.

O Mar Mediterráneo e as fronteiras europeas seguen sendo as fosas comúns nas que máis de 4.000 persoas perderon a vida o ano pasado. Mesmamente 400 esta semana

Seguimos vivindo co incrible desconcerto á perda de máis de 10.000 nenos e nenas en mans das redes de trata e os abusos sexuais de centos de mulleres refuxiadas. 

Os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral que nos recorda perigosamente a tempos pasados. 

Nos últimos meses vimos como a policía macedonia lanzaba gases lacrimóxenos ás persoas refuxiadas na fronteira con Grecia; como se facían pintadas que delimitaban as casas que ocupaban os solicitantes de asilo no Reino Unido, como se lles cobraba e confiscaban os seus bens en Alemaña, Suíza e Dinamarca; como se pechaban as fronteiras con valos de arame  en Austria e Hungría.

Tamén vimos como se incumprían sistematicamente as obrigas en materia de migración, asilo e refuxio e como se recortaban os fondos para a cooperación internacional, fondos que contribúen a mellorar a situación nos países de orixe destas persoas.

O pasado mes de setembro a Unión Europea se comprometeu a acoller a máis de 120.000 persoas refuxiadas, 17.000 no Estado español. Aínda así, ata o de agora, no Estado español só se acolleron 18 persoas.

O máis infame chega agora co acordo entre a Unión Europea e Turquía, o xa coñecido como acordo da vergonza. Un acordo ilegal e inmoral polo cal se amorean ás persoas refuxiadas en centros de detención, como se fosen animais, persoas que logo deportan a Turquía, un país que non respecta os dereitos humanos.
Un país que asasinou 16 persoas refuxiadas o pasado mes de marzo, segundo diversas fontes. 
Pero estamos fartas, e non permitiremos que esta barbarie continúe. Non permitiremos que se criminalice a quen debe ser protexido.

As organizacións políticas e cidadás, as ONG e sindicatos mobilizarémonos para esixir o fin deste horror. Fai moito tempo a cidadanía demostramos estar moi por riba de quen nos goberna. Tomaremos as rúas e non paremos ata conseguir unha acollida legal e digna para quen (a) precisa
Por todo isto, as ducias de colectivos que conformamos a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas demandamos:

-Rutas legais e seguras sen condicións, para evitar que as persoas que foxen dos conflitos e a persecución se xoguen a vida en perigosas viaxes.
-O cumprimento dos convenios internacionais e directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio.
-O respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e a garantía na protección das persoas, en especial ás menores e máis vulnerables
-Unha revisión profunda da política migratoria e exterior da Unión. Construír valados, poñer militares nas fronteiras, non é a solución. A solución pasa por poñer as persoas no centro das políticas, e non aos intereses económicos. 
-Tamén esiximos o firme compromiso do goberno estatal e galego, e tamén dos nosos concellos coa súa responsabilidade de dar acollida canto antes ao maior número de persoas. E facelo de forma integral garantindo os seus dereitos e a súa dignidade.

Queremos que os nosos gobernos digan alto e claro
NON ao Acordo entre UE e Turquía.
Por iso hoxe berramos:
RACHEMOS COAS FRONTEIRAS.
NON ÁS GUERRAS.
SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS REFUXIADAS.