EMPRESARIO DE SANTA COMBA MANTIÑA ESCRAVOS ENCERRADOS.
CHEGANDO A SECUESTRAR, MANIATAR E GOLPEAR A PUNTA DE PISTOLA
A Rederefuxiadas súmase á campaña que solicita protección para as vítimas ante a Fiscalía e ante a Subdelegación do Goberno na Coruña, algo que normalmente se tramita nestes casos, e tamén solicita que se tomen medidas de control por parte da Xunta de Galicia nas explotacións gandeiras e agrícolas, para que isto non volva suceder .
Un empresario da zona de Santa Comba, mantivo traballando en situación de escravitude a varias persoas en situación irregular, sen contratar, abonar ningún salario e pedindo pagamentos por aloxamentos dos que finalmente eran expulsadas ou directamente non existían. O obxecto do contrato eran traballos agrícolas, e as persoas prestaron servizo pechadas en naves e fincas, con prohibición de comunicarse, e obrigadas a agocharse das autoridades (GC e Inspección de Traballo), coa expresa prohibición de contarlle a ninguén a súa situación.
Cobroulles sumas entre os 420 € e 1500 € por regularizar a súa situación, autorizacións de traballo e residencia que nunca foron tramitadas. Ademais, encargábase persoalmente da captación, traslado e aloxamento de man de obra gratuíta en situacións inhumanas. A situación chegou ao punto de que un dos traballadores, mentres tomaba probas da súa situación, foi secuestrado, maniatado, golpeado, ameazado a punta de pistola e abandonado nun monte da contorna, co fin de conseguir eliminar esas probas.
A Garda Civil, pese a tramitalo coma un caso de trata, non tramitou os mecanismos de protección e autorizacións temporais para as vítimas que normalmente se aplican. A Subdelegación do Goberno tampouco realizou a xestións necesarias e obrigatorias por Lei para outorgarlles a protección. Agora mesmo o proceso continua no xulgado de Ordes. A Fiscalía ten competencias para a protección pero, por motivos descoñecidos, non acudiu ás declaracións das vítimas no Xulgado e tampouco lles ofreceu a oferta de protección por colaboración coa xustiza, algo habitual nestes casos.
O empresario ingresou en prisión provisoria pero inexplicablemente foi liberado sen oposición vinte días despois, na actualidade as vítimas atópanse sen protección xudicial e sen as autorizacións de residencia temporais que corresponden neste tipo de casos.
Por todas estas razóns, a Rede Galega en apoio ás Persoas Refuxiadas súmase á campaña de mobilización que se está a organizar para defender os dereitos destas persoas e apoia a concentración que terá lugar o mércores 3 de marzo ás 10:00 hs diante do Xulgado de Ordes (lugar no que os tres investigados prestarán declaración polos actos de trata de seres humanos).
Esta campaña parte do Foro Galego de Inmigración e da CUT, que representa os intereses das vítimas. Baixo a lenda "Nin explotación, nin impunidade. Fiscalía e Subdelegación responsábeis" preténdese que a Subdelegación do Goberno na Coruña, cumpra coa súa obriga de darlles protección e autorizacións temporais ás persoas afectadas.
Máis información- 698144229 (Brais ) 687368314 ( Mari Fidalgo) 616871886 (Isabel)